Ven de iniciarse no CIFP Fontecarmoa o proxecto de teatro foro para a abordaxe de problemáticas socioeducativas nos centros de educación secundaria de Vilagarcía de Arousa. O Proxecto pretende que o alumnado aborde e reflexione sobre problemáticas como o racismo, o acoso escolar ou as drogodependencias a través desta metodoloxía escénica transformadora, que permite que o alumnado desenvolva as competencias socioemocionais necesarias para afrontar as diferentes problemáticas definidas en cada peza de teatro foro.
Outra das fortalezas do proxecto reside en que o alumnado está a implicarse na creación dun recurso didáctico de gran potencialidade para a sensibilización do alumnado ao redor dos seus propios centros de interese e inquedanzas, de forma que empodera ao alumnado no proceso creativo e escénico como axentes de convivencia.
En definitiva, o teatro foro, que é a técnica de dramatizacion máis coñecida do teatro do oprimido de Augusto Boal, permite abordar situacións de opresión e transformalas en situacións de convivencia, dende o rol activo do alumnado como espect-actores e espect-actrices.
O proxecto é impulsado pola Concellaría de Benestar do Concello de Vilagarcía de Arousa e coordinado por Arelar que se encarga de todo o proceso organizativo e a execución técnica do mesmo.