Archives

Aprendemos a resolver conflitos pacificamente!

Arelar desenvolve ao longo deste mes de febreiro unha serie de sesións formativas co alumnado de 6º de educación primaria do CPI de Zas, para a realización dun obradoiro de resolución pacífica de conflitos, encamiñado a que o alumnado adquira unha comprensión axeitada do conflito e sexa capaz de aprender estratexias e habilidades socioemocionais para unha resolución satisfactoria para tódalas partes.

A metodoloxía empregada é participativa e activa e parte da percepción que o alumnado de 6º ten do conflito, e de construir situacións de aprendizaxe partindo da ollada do alumnado.

Deste xeito se constrúen situacións de aprendizaxe máis próximas e axeitadas ás necesidades do grupo.

As técnicas de traballo escénico cobran neste obradoiro unha especial relevancia para que a aprendizaxe sexa máis vivencial e permita que o alumnado interactúe dende a adquisición de habilidades sociais de gran interese para a resolución de conflitos.

O alumnado está amosando un gran interese no obradoiro cun gran nivel de participación, e que dará remate o vindeiro 29 de febreiro.

Empatizas?

Esta semana deu comezo o programa Empatiza, promovido pola Concellaría de Benestar Social do Concello de Vilagarcía de Arousa, e que pretende promover no alumnado de 5º de educación primaria, estratexias para a resolución pacífica de conflitos.

O programa pretende que o alumnado identifique o que é un conflito, as estratexias de afrontamento e poder aprender as habilidades concretas que nos permiten resolver satisfactoriamente os conflitos.

O proxecto vai dirixido a tódolos centros de educación primaria de Vilagarcía, sendo o CEIP Rosalía de Castro o primeiro en participar no mesmo.

O programa consta de 2 sesións de traballo de 2 horas con cada grupo, e prevese a participación de 450 al. aproximadamente no programa.

Arelar desenvolve a coordinación técnica do programa.

 

O IES As Insuas traballa ao redor da resolución pacífica de conflitos

Ven de iniciarse no IES AS Insuas un obradoiro de habilidades sociais e resolución pacífica de conflitos co alumnado de 2º de ESO do instituto, e que pretende ao longo dos vindeiros meses que o alumnado afonde na estrutura e percepción dos conflitos como paso previo para mellorar a convivencia no noso día a día.

Ao longo do obradoiro, o alumnado formarase en torno ás habilidades socioemocionais e as estratexias efectivas para unha solución positiva dos conflitos para as partes implicadas no mesmo, partindo do método “todos gañan”.

O obradoiro será eminentemente práctico e dirixido a desenvolver dun xeito vivencial os contidos e as competencias abordadas ao longo da formación.

Arelar impulsa o deseño e execución técnica do obradoiro que terá lugar no IES As Insuas de Muros ate o 1 de febreiro.