Onte ven de presentarse o programa de prevención da adicción ás pantallas impulsado pola Concellaría de Xuventude do Concello de Santiago e no que Arelar desenvolverá a coordinación técnica do mesmo.
O obxectivo é responder a unha demanda e unha preocupación crecente na comunidade educativa, tanto entre as familias como entre o profesorado e o propio alumnado, a través duns obradoiros que pretenden poñer o foco nas prácticas cotiás do alumnado na súa relación cos diferentes dispositivos e no acceso a internet, para que a partir dunha reflexión crítica o alumnado sexa capaz de adqirir pautas para un uso responsable e saudable das diferentes pantallas e dispositivos.
En último término, o alumnado poderá identificar estratexias e pautas para a autoregulación e o autocontrol no uso de pantallas.
A intervención desenvolverase en 5º e 6º de educación primaria e en 1º e 2º da ESO, coa intención de establecer contidos adaptados a cada nivel educativo. No caso da educación secundaria, terá especial importancia a análise de problemas de convivencia nas contornas dixitais (chatas de mensaxería, redes sociais…) e que poden derivar en situacións de ciberacoso, e nas que se analizará o rol que debe de xogar cada quen, para a protección da vítima e a promoción dunha convivencia satisfactoria.
Os obradoiros desenvolveranse ao longo deste terceiro trimestre e serán impartidos por Arelar.