Archives

Comeza o campamento CREA

Hoxe deu comezo o campamento Recreativo e Ambiental (CREA) organizado polo  Concello de Boqueixón, dirixido a mozos e mozas de 12 a 16 anos e que teñen como finalidade a creación dun espazo lúdico-educativo vencellado ao patrimonio cultural e ambiental que rodea á mocidade do concello.

Ao longo do campamento o grupo de mozos e mozas desenvolverán diversas liñas de traballo vencelladas á xestion de residuos, á posta en valor do patrimonio natural e cultural do concello de Boqueixón, e a promoción de proxectos locais sustentables, entre outros.

Neste percorrido lúdico-educativo a mocidade participante no campamento terá un protagonismo moi claro na elaboración de materiais e recursos que sirvan para a sensibilización medioambiental e a posta en valor do noso patrimonio natural e cultural.

Arelar participa como equipo técnico que dinamiza o campamento.

 

O Voluntariado Miúdo celebra un encontro virtual para compartir experiencias

 O pasado venres tivo lugar o Encontro Virtual do programa “Voluntariado Miúdo: Móvete” na que os 6 centros participantes puxeron en valor os seus proxectos solidarios e de acción voluntaria impulsados ao longo deste curso escolar marcado pola pandemia da COVID-19,  e que a pesar dos condicionantes lograron levar adiante iniciativas tremendamente interesantes e necesarias.

Deste xeito, no encontro virtual no que participaron 10 aulas dos diferentes centros, compartíronse proxectos moi diversos vencellados á creación de recursos didácticos para alumnado de diversidade funcional, o coidado do medio, a atención de necesidades básicas a través de campañas solidarias, a atención ás persoas maiores e o traballo de sensibilización da comunidade educativa foron algún dos eidos sobre os que versaron os diferentes proxectos presentados.

Ler máis…

Saídas profesionais na educación social

Arelar ven de participar ao longo da mañá na xornada formativa  “Unha mirada ás saídas profesionais das Educadoras e Educadores Sociais” dirixida ao estudantado de grao de Educación Social, e que pretendía achegar diversas saídas profesionais propias do alumnado de educación social en ámbitos diversos,  e que poideran ser do seu interese no proceso de saída ao mercado laboral.

Arelar foi convidada para desenvolver a videoconferencia “Educación social e desenvolvemento comunitario: Que posibilidades ofrece a iniciativa privada?” na que se pretendeu identificar claves para o desenvolvemento dun proxecto profesional encamiñado ao autoemprego, e que conexións ofrece co desenvolvemento comunitario, identificando ferramentas específicas de moita utilidade para a realización de proxectos de carácter comunitario.

A Xornada foi realizada en formato en liña e foi organizada pola Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela  e a Área de Orientación Laboral e Emprego da USC e o Ceesg.