O alumnado do ciclo Superior TAAFD do IES Miguel Ángel González Estévez de Vilagarcía ven de representar ao longo da semana pasada unha peza de teatro foro titulada “Preso dunha foto” .
Ao longo de dous meses o alumnado do ciclo preparou esta peza de 25 minutos de duración e que abordaba a vivencia dun alumno que envía unha foto comprometedora a un perfil falso que decide compartila de xeito viral por toda a rede.
O alumnado efectuou 3 representacións no centro dirixidas a cada un dos grupos de 1º de ESO do centro. A resposta do centro foi extraordinaria e supuxo un elemento moi interesante para a abordaxe do fenómeno do ciberbullying e o rol que nel xogan os seus diferentes protagonistas: vítima, aocsadores/as, observadores, profesorado, familias…..
Esta actividade forma parte do proxecto de “Prevención do ciberbullying e bo uso das TIC´S” que promove a área de Benestar do Concello de Vilagarcía coa cofinanciación da Deputación de Pontevedra, e está a ser desenvolvido ao longo deste curso escolar nos diferentes centros de educacion secundaria do concello, coa intención de aplicar a metodoloxía do teatro foro como instrumento de traballo para a creación deste recurso educativo.
Arelar desenvolveu a coordinación técnica do proxecto, sendo facilitadores para a creación deste recurso didáctico que contou coa particularidade de que o alumnado do ciclo de TAAFD, desenvolveu nalgunha das representacións o rol de “curinga” para o traballo cos diferentes grupos.