O pasado venres tivo lugar o Encontro Virtual do programa “Voluntariado Miúdo: Móvete” na que os 6 centros participantes puxeron en valor os seus proxectos solidarios e de acción voluntaria impulsados ao longo deste curso escolar marcado pola pandemia da COVID-19, e que a pesar dos condicionantes lograron levar adiante iniciativas tremendamente interesantes e necesarias.
Deste xeito, no encontro virtual no que participaron 10 aulas dos diferentes centros, compartíronse proxectos moi diversos vencellados á creación de recursos didácticos para alumnado de diversidade funcional, o coidado do medio, a atención de necesidades básicas a través de campañas solidarias, a atención ás persoas maiores e o traballo de sensibilización da comunidade educativa foron algún dos eidos sobre os que versaron os diferentes proxectos presentados.
Ademais os diferentes centros realizaron diversas propostas para fomentar o traballo en rede de xeito presencial ou virtual de cara ao vindeiro curso no que destacou a idea de retomar os encontros presenciais.
O Voluntariado Miúdo contou este ano con 6 centros e 750 alumnos e alumnas implicadas no seu desenvolvemento, nun proxecto que fomenta os valores da solidariedade e o voluntariado dende a educación infantil, impulsando proxectos cun impacto concreto no territorio, o que permite identificar os seus elementos transformadores.
O Encontro virtual ocntou coa presenza da Directora Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado Cristina Pichel e a Xefa de Servizo de Voluntariado Pilar Martínez.
Este programa está enmarcado no Plan Proxecta e está promovido pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e foi coordinado por Arelar na súa execución técnica.