A semana pasada ven de presentarse o proxecto de Teatro foro para a educación en valores, e que nesta edición implica a 5 institutos da cidade ( IES Xelmirez I, IES Xelmirez II, IES Rosalía de Castro, IES Pontepedriña e IES Sar) e a máis de 800 alumnos e alumnas, sumando ao alumnado que prepara e interpreta cada unha das pezas que compoñen o proxecto, como do alumnado que participa nas propias sesións de teatro foro como “espect-actores”.
Ao longo deste curso prepararanse 9 pezas teatrais que abordan diversas temáticas de interese para o proceso educativo do alumnado dos centros educativos, e que presentan diversas realidades. Deste xeito, a transexualidade, o bullying, o racismo, a prevención das drogodependencias, a adicción ao xogo e o ciberbullying, son algunhas destas temáticas.
O proxecto é promovido pola Concellería de Educación, Mocidade, Igualdade e Normalización lingüística do concello de Santiago e é coordinado por Arelar, e amosa ano a ano, a súa capacidade como instrumento transformador do alumnado que se implica neste tipo de proxectos.
Deste xeito, o alumnado amosa o seu interese e motivación por diferentes elementos dunha convivencia positiva e pacífica nos centros educativos, que promoven o valor da diversidade e dotan ao alumnado de destrezas para afrontar situacións conflitivas ou de exclusión que poden ter lugar na súa realidade cotián.
O resultado final son unha serie de pezas teatrais que en sí mesmo son recursos didácticos de gran interese, e qeu permiten afondar en estratexias positivas para afrontar cada unha das realidades que amosa cada peza, creada e ideada polo propio alumnado.