Ven de iniciarse no IES AS Insuas un obradoiro de habilidades sociais e resolución pacífica de conflitos co alumnado de 2º de ESO do instituto, e que pretende ao longo dos vindeiros meses que o alumnado afonde na estrutura e percepción dos conflitos como paso previo para mellorar a convivencia no noso día a día.
Ao longo do obradoiro, o alumnado formarase en torno ás habilidades socioemocionais e as estratexias efectivas para unha solución positiva dos conflitos para as partes implicadas no mesmo, partindo do método “todos gañan”.
O obradoiro será eminentemente práctico e dirixido a desenvolver dun xeito vivencial os contidos e as competencias abordadas ao longo da formación.
Arelar impulsa o deseño e execución técnica do obradoiro que terá lugar no IES As Insuas de Muros ate o 1 de febreiro.