O proxecto EMPATIZA é unha proposta que xorde da Concellaría de Benestar Social do Concello de Vilagarcía de Arousa, e que vai dirixida ao alumnado de 5º e 6º de educación primaria para promover a formación ao redor das habilidades sociais e o manexo dos conflitos no contexto escolar do alumnado.
Orixinariamente o proxecto establecía unha serie de sesións formativas presenciais nos 8 centros educativos participantes, pero a aparición da COVID-19 truncou o desenvolvemento deste proxecto no seu inicio aló no mes de marzo.
O proxecto EMPATIZA reformúlase neste contexto tan adverso nun material didáctico de apoio para o profesorado dirixido a traballar co alumnado directamente, e que inclúe metodoloxías experienciais para facilitar o proceso de adquisición das diferentes destrezas e habilidades a traballar.
O proxecto agora permitirá o deseño deste material didáctico ao longo do primeiro trimestre para que posteriormente o profesorado poida implementalo na aula.
Ademais dende o proxecto establécese un servizo de asesoramento para a aplicación do mesmo e a adaptación aos contextos especificos que se poidan dar nalgunhas aulas.
A proposta práctica do material incluirá propostas de actividades compatibles cos protocolos hixiénico-sanitarios ante a COVID-19.
Arelar é encargada de realizar a coordinación técnico-pedagóxica do proxecto EMPATIZA.