Ao longo destas semanas o alumnado de 5º e 6º de educación primaria do CEIP Cardeal Quiroga Palacios traballa na creación dun programa radiofónico chamado “As voces de Conxo” que pretende achegarse aos elementos máis resaltables do barrio, outorgando voz propia á veciñanza, ao redor da historia do barrio, o seu patrimonio ou as institucións máis relevantes.
Seguindo esta liña de traballo o programa inclúe contidos vencellados ao propio centro educativo, a historia do barrio, o lavadoiro de Conxo, ou o Centro Sociocultural situado no barrio, entre outros contidos.
Se ben o equipo redactor, o conformou un grupo de 12 alumnos e alumnas, moitos dos contidos foron traballados tamén dende a aula, coa participación directa das 4 aulas de 5º e 6º.
O vindeiro mércores 21 procederase á gravación do programa de radio, despois de intensas sesións de traballo para a produción de contidos, e elaboración das diferentes reportaxes e entrevistas incluídas no programa.
Finalmente o podcast resultante subirase á web do centro e as diferentes plataformas do Concello, ao igual que os demais podcast elaborados no marco do programa de Radio Comunitaria para a educación en valores, impulsada pola Concellaría de Políticas Sociais, Saúde e Diversidade.