Archives

Xornada de convivencia de mozos e mozas da RCES

 

Esta fin de semana ven de celebrarse, no albergue La Salle de Santiago, a xornada de convivencia 2016, na que 19 mozos e mozas de diferentes centros da RCES, participaron na dinámica de traballo programada dende unha perspectiva de empoderamento da mocidade e de proactividade para a mellora constante do programa dende os seus propios protagonistas.

O resultado desta dinámica foi determinar as accións para conmemorar o Día Internacional do Voluntariado, e propostas de actividades e cartel para o encontro de alumnado da RCES para o mes de maio.

Por outra banda, a visita ao Albergue e centro sociocultural Xoan XXIII, foi un espazo moi útil para a sensibilización e análise da problemática dos “sen teito”, e que pode facer un centro educativo dende a óptica solidaria e de dignificación deste colectivo.

Na noite do sábado celebrouse un xogo temático “na procura do espiruito solidario” o cal foi moi divertido e cheo de emoción na procura de valores solidarios nun contexto lúdico.

Arelar desenvolveu a coordinación técnica desta xornada de convivencia que xerou unha gran cantidade de propostas para a mellora do programa.

 

A participación: Un proceso en constante evolución

Arelar ven de rematar o estudo diagnóstico enmarcado no proxecto de participación social da mocidade de Teo. O estudo que implicou a 10 entidades do municipio, e na que participaron 255 mozos e mozas, dende diversos instrumentos de diagnóstico (enquisas, grupos de discusión e entrevistas estruturadas), permitiu establecer un plan de acción cunhas liñas de traballo específicas para a posta en práctica coa mocidade do concello de Teo.

Valoramos moi positivamente este proceso participativo, en constante evolución,  polo plural e enriquecedor que resultou e pola implicación dos axentes sociais do municipio.

 

portada

O “xigante de pedra” visto dende a ollada xuvenil

Esta fin de semana ven de presentarse no centro de Interpretación do Pico Sacro, a curtametraxe “Xigante de pedra”, proxecto coordinado na parte técnica por arelar, e que permitiu xerar un proceso participativo no que un grupo de alumnas do CPI Antonio Orza Couto desenvolveron nas súas diferentes fases o deseño desta curtametraxe, que na súa intencionalidade pretendía xerar dende a ollada xuvenil unha posta en valor do Pico Sacro e o seu entorno. ademais o evento contou con outras achegas dende a propia comunidade tanto no plano literario, coma musical (X. Manuel Lobato, Estralampo e Sofía Silva)

Aqui tedes o enlace dunha nova publicada nos xornais sobre a presentación de “Xigante de pedra”

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/santiago/boqueixon/2016/01/17/alumnas-boqueixon-editan-cortometraje-sobre-pico-sacro/0003_201601S17C6992.htm