Archives

Ondas cheas de emoción en Arzúa

Os rapaces e rapazas de Arzúa están a desenvolver ao longo desta semana a través do proxecto “Emotiradio” un programa radiofónico onde a educación emocional e a posta en valor das xentes de Arzúa son o eixo central.

O proceso de traballo está dando como resultado a creación do programa “Que onda!!” no que a aprendizaxe emocional nestes tempos tan convulsos derivados da COVID-19 resulta esencial para a adaptación a esta nova realidade que estamos a vivir.

O programa está a crear contidos moi variados como entrevistas a persoal sanitario de Arzúa, reportaxes sobre o movemento asociativo da vila ou expereriencias nas que xente de fóra de Galicia pousou a súa ollada no rural para emprender un proxecto de vida apegado á terra.

Os contos de compoñente emocional e recomendacións de libros para unha aprendizaxe das emocións en familia son algúns dos contidos máis relevantes.

A creación dun programa radiofónico por parte das crianzas ten múltiples beneficios  no desenvolvemento de competencias cívicas, lingüísticas e socioemocionais.

O resultado final do proxecto será un podcast que ademais será emitido en Radio Arzúa.

Ler máis…

A obra “Urxencias” no ciclo de teatro de Boqueixón

O Clube de Maiores de Boqueixón representou onte a obra “Urxencias” no marco do Ciclo de Teatro de Outono de Boqueixón, no que máis de 120 persoas se deron cita para esta obra que en formato de parodia retrata unha sala de urxencias con personaxes do máis peculiar.

É a cuarta vez que o Clube de Maiores de Boqueixón representa esta peza en Boqueixón e sempre cunha resposta extraordinaria.

Na actualidade o Clube de Maiores xa está a traballar nunha nova peza teatral para estrear o vindeiro ano.

Arelar desenvolve a coordinación técnica deste proxecto teatral cunha clara vocación comunitaria.

 

 

Reflexionando en torno ao acoso escolar con nais e pais

Onte Arelar desenvolveu unha sesión formativa baixo o título “Acoso escolar: Pautas para a prevención e o afrontamento dende as familias”, no CEIP Alexandre Rodríguez Cadarso en Noia, onde unha ducia  de nais e pais participaron activamente desta sesión na que se puideron analizar os diferentes elementos de relevancia para a prevención e o afrontamento dunha situación de acoso escolar.

Así mesmo, ao longo da sesión efectuose moito énfase no rol dos espectadores a hora de abordar a prevención e a proteccion da vítima dunha situacion de acoso escolar, e cal é o papel da familia para promover condutas de protección ante unha vítima de acoso escolar.

As nais e pais valoraron moi positivamente a sesion formativa amosando o seu desexo de dar continuidade a este tipo de sesións formativas, nun tema que é de especial relevancia para as familias do centro.