Category Archives: CONVIVENCIA

O IES As Insuas traballa ao redor da resolución pacífica de conflitos

Ven de iniciarse no IES AS Insuas un obradoiro de habilidades sociais e resolución pacífica de conflitos co alumnado de 2º de ESO do instituto, e que pretende ao longo dos vindeiros meses que o alumnado afonde na estrutura e percepción dos conflitos como paso previo para mellorar a convivencia no noso día a día.

Ao longo do obradoiro, o alumnado formarase en torno ás habilidades socioemocionais e as estratexias efectivas para unha solución positiva dos conflitos para as partes implicadas no mesmo, partindo do método “todos gañan”.

O obradoiro será eminentemente práctico e dirixido a desenvolver dun xeito vivencial os contidos e as competencias abordadas ao longo da formación.

Arelar impulsa o deseño e execución técnica do obradoiro que terá lugar no IES As Insuas de Muros ate o 1 de febreiro.

A resolución de conflitos a través do proxecto “Empatiza”

A pasada semana deu comezo o proxecto “Empatiza” dirixido a formación do alumnado de educacion primaria do Concello de Vilagarcía de Arousa á xestión pacífica de conflitos na súa vida diaria.

O proxecto “Empatiza” consta dunha serie de sesións formativas para o alumnado de 5º de educación primaria, coa intención de adquirir ferramentas e destrezas para xestionar satisfactoriamente os conflitos que lle xorden a mozos e mozas na súa realidade cotiá, no ámbito escolar, social e familiar.

Os obradoiros formativos teñen un carácter eminentemente práctico, coa intención de partir de situacións percibidas polo alumnado como conflitivas, e que son o xerme de recreacións prácticas para integrar as habilidades e competencias traballadas ao longo do obradoiro.

O proxecto “Empatiza” é coordinado por Arelar, constituíndo unha ferramenta de apoio moi ben valorada polos centros ao longo destes 3 anos de implantación.

A concellería de Benestar social é a promotora deste proxecto coa colaboración da Deputación de Pontevedra.

Aprendemos a resolver conflitos pacificamente

Dende onte Arelar desenvolve no CPI Aurelio Marcelino Rey García de Cuntis un obradoiro de resolución de conflitos dirixido ao alumnado de 1º de ESO (2 grupos) co obxectivo de que o alumnado adquira as competencias necesarias para analizar os conflitos dende unha perspectiva constructiva do conflito, na que as dúas partes gañen, e que adquiran as ferramentas necesarias para resolver conflitos da súa realidade cotiá.

Neste senso, o obradoiro facilita dun xeito eminentemente práctico a adquisición destas competencias sociais (escoita activa, empatía ou asertividade) como instrumentos para mellorar as relacións interpersoais e resolver pacificamente os conflitos.

Ademais o alumnado, construirá ao longo do obradoiro casos prácticos próximos a súa realidade, e que ao final do mesmo terán que afrontar coas ferramentas aprendidas nas diferentes sesións.