All posts by ARELAR

A resolución de conflitos a través do proxecto “Empatiza”

A pasada semana deu comezo o proxecto “Empatiza” dirixido a formación do alumnado de educacion primaria do Concello de Vilagarcía de Arousa á xestión pacífica de conflitos na súa vida diaria.

O proxecto “Empatiza” consta dunha serie de sesións formativas para o alumnado de 5º de educación primaria, coa intención de adquirir ferramentas e destrezas para xestionar satisfactoriamente os conflitos que lle xorden a mozos e mozas na súa realidade cotiá, no ámbito escolar, social e familiar.

Os obradoiros formativos teñen un carácter eminentemente práctico, coa intención de partir de situacións percibidas polo alumnado como conflitivas, e que son o xerme de recreacións prácticas para integrar as habilidades e competencias traballadas ao longo do obradoiro.

O proxecto “Empatiza” é coordinado por Arelar, constituíndo unha ferramenta de apoio moi ben valorada polos centros ao longo destes 3 anos de implantación.

A concellería de Benestar social é a promotora deste proxecto coa colaboración da Deputación de Pontevedra.

A prevención da adicción aos xogos de apostas chega aos institutos Composteláns

Hoxe ven de presentarse en rolda de prensa da man do Concelleiro de Educación e Mocidade do Concello de Santiago, Rubén Prol, o proxecto de prevención da adicción aos xogos de apostas, dirixido á mocidade compostelá, e que se desenvolverá nos institutos de educación secundaria da Cidade.

O proxecto dá continuidade á Campaña lanzada ao longo do ano pasado “Vas picar?” Mocidade libre de apostas” pola Concellaría de Educación e Mocidade e que pretende seguir afondando no traballo preventivo coa mocidade ao redor desta adicción.

Para iso, desenvolveranse ao longo do proxecto actuacións en 3 eixos:

-Obradoiros formativos e de sensibilización ao longo de 3 sesións con cada grupo

-Cursos formativos para o profesorado para unha formacion básica que facilite o seu traballo co alumnado, achegando material didáctico de apoio.

-Potenciar a divulgación de mensaxes preventivas nas redes sociais e páxina web xeradas o ano pasado coa campaña “Vas picar? Mocidade libre de apostas”

O proxecto desenvolverase ao longo deste curso escolar.

 

 

“Comparte e expresa” en Aspnais

Ao longo do 6 e 7 de outubro tivo lugar en Aspnais (Lugo) un obradoiro titulado “Comparte e expresa” dirixido a traballar ao redor das ferramentas comunicativas de cara a falar en público. Ao obradoiro asisitiron 15 usuarios e usuarias de Aspnais para mellorar as súas estratexias de comunicación na súa vida cotiá.

O obradoiro dividido en 4 sesions de traballo permitiu desenvolver traballos en pequeno grupo e con metodoloxías participativas poñendo en práctica, habilidades e técnicas comunicativas abordando aspectos tan diversos como efectuar unha petición publica a administración, reclamación de dereitos dos usuarios e usuarias de aspnais e loita contra os prexuizos hacia persoas con diversidade funcional, ou comunicar as actividades que se desenvolven dende a asociación.

O traballo do grupo foi moi produtivo e con moita ilusión, xerando un espazo de aprendizaxe compartida moi satisfactorio.

Esta formación foi promovida por FADEMGA  nas instalacións de aspnais en Lugo, e arelar desenvolveu a súa docencia.