All posts by ARELAR

Aprendemos a mellorar a nosa comunicación

Hoxe ven de rematar o obradoiro de comunicación “Comparte e expresa” impulsado por FADEMGA e que se celebrou ao longo do dia 19 e 20 de xuño na sede da Asociación Chamorro (Narón). O curso foi dirixido ao grupo de 16 autoxestores da entidade, e tiña como obxectivo a mellora das destrezas e competencias comunicativas do grupo de cara ao proceso de falar en público, ben en actos da propia entidade, como para o seu desenvolvemento persoal e mellora comunicativa.

O grupo foi trementamente participativo e amosou un elevado nivel de implicación en todo o proceso, adicando gran parte do tempo a realizar exercicios prácticos destinados a descrición das actividades que fan na súa asociación e á preparacion dunha presentación sobre a reivindicación dos seus dereitos como cidadanía activa, poñendo especial fincapé naquelas cuestións que máis lle preocupan.

O curso foi impartido por Arelar, sendo o primeiro dunha serie de obradoiros que ao longo deste verán, se desenvolverán por diferentes entidades vencelladas a FADEMGA.

“Voluntariado Miúdo”: Un espazo para compartir experiencias solidarias

Ven de celebrarse o Encontro de alumnado de educación primaria participante no programa “Voluntariado Miúdo” e no que se xuntaron 170 alumnos e alumnas no Albergue Xuvenil da Marina Española (Bergondo) para compartir experiencias e proxectos solidarios que impulsan os diferentes centros nos seus contextos.

O Encontro permitíu dun xeito lúdico e dinámico compartir proxectos, actividades e intereses conectados aos proxectos de voluntariado que impulsa cada centro educativo, de forma que diferentes ámbitos de traballo foron compartidos ao longo da xornada. Deste xeito, a interculturalidade e os procesos migratorios, a diversidade funcional, o medioambiente ou as persoas maiores foron os eixos que definiron os diferentes proxectos compartidos.

O programa “Voluntariado Miúdo” é impulsado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, e de feito o alumnado tivo a oportunidade de compartir a xornada xunto a Conselleira de Política Social e Xuventude Fabiola García, que puido comprobar de primeira man as diferentes propostas presentadas polo alumnado como protagonistas dos seus proxectos.

Ler máis…

Solidaridade con mensaxe

No marco do programa Voluntariado Miúdo impulsado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, estanse a desenvolver unha serie de obradoiros denominados “Solidaridade con mensaxe” dirixidos a crear mensaxes e lemas vencellados aos proxectos de voluntariado que cada centro desenvolve dende ámbitos temáticos moi diversos.

O alumnado e o profesorado están a respostar moi ben a estes obradoiros que permiten traballar creativamente ao redor dos obxectivos que cada proxecto pretende implementar.

Ler máis…