All posts by ARELAR

Xornada de convivencia de mozos e mozas da RCES

 

Esta fin de semana ven de celebrarse, no albergue La Salle de Santiago, a xornada de convivencia 2016, na que 19 mozos e mozas de diferentes centros da RCES, participaron na dinámica de traballo programada dende unha perspectiva de empoderamento da mocidade e de proactividade para a mellora constante do programa dende os seus propios protagonistas.

O resultado desta dinámica foi determinar as accións para conmemorar o Día Internacional do Voluntariado, e propostas de actividades e cartel para o encontro de alumnado da RCES para o mes de maio.

Por outra banda, a visita ao Albergue e centro sociocultural Xoan XXIII, foi un espazo moi útil para a sensibilización e análise da problemática dos “sen teito”, e que pode facer un centro educativo dende a óptica solidaria e de dignificación deste colectivo.

Na noite do sábado celebrouse un xogo temático “na procura do espiruito solidario” o cal foi moi divertido e cheo de emoción na procura de valores solidarios nun contexto lúdico.

Arelar desenvolveu a coordinación técnica desta xornada de convivencia que xerou unha gran cantidade de propostas para a mellora do programa.

 

“Móvete” ao ritmo solidario

“Móvete”, é unha canción composta e interpretada por Paco Nogueiras, e que ten a súa xénese no marco do proxecto da Rede de Centros Escolares Solidarios (RCES), da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, coa asistencia técnica de Arelar, e que significa un canto aos valores solidarios e ao voluntariado, como medio do desenvolvemento integral das persoas. Unha canción para desfrutar!!

A presentación do proxecto “Móvete”

Hoxe, ven de presentarse no CPI Virxe da Cela (Monfero) o proxecto “Móvete” xunto ao videoclip da canción do mesmo título, composta e interpretada por Paco Nogueiras e que servirá de fío conductor dun proxecto piloto de promoción dos valores solidarios e do voluntariado na educación primaria.

Neste proxecto participarán alumnos e alumnas de 3 centros educativos (CPI Virxe da Cela de Monfero, CEIP Fontiñas de Santiago de Compostela, e CEIP A Lomba de Vilagarcía de Arousa).  O proxecto constará duns obradoiros que terán a canción de Paco Nogueiras como fío conductor e froito desta formación, o alumnado participante deseñará unha serie de actuacións solidarias  que compartirá co resto dos centros nun acto conxunto que rematará cun  gran concerto de Paco Nogueiras coa canción “Móvete”, como emblema deste proxecto solidario.

Na presentación deste proxecto da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, estiveron presentes a Directora Xeral de Xuventude, Cecilia Vázquez, e Paco Nogueiras, compositor e intérprete da canción.