All posts by ARELAR

Abordando o acoso escolar no CIFP COROSO

O día 23 e 24 de maio desenvolveuse un obradoiro de prevención do acoso escolar como instrumento para complementar o traballo educativo que dende o CIFP COROSO levan desenvolvendo ao redor desta temática, ao longo deste trimestre cos diferentes grupos de FP Básica do centro.

No obradoiro, analizáronse os diferentes roles que se producen nunha situación de acoso, e trala análise grupal, procedeuse a abordar estratexias de actuación dende a perspectiva da vítima e dos posibles observadores de situacions de acoso a través de diversos role-playing.

Finalmente o grupo estableceu propostas de actuación dende unha perspectiva de centro para previr o acoso escolar e dar apoio a posibles vítimas.

Arelar desenvolveu a dinamización destes obradoiros que se realizaron cos grupos de FP Básica de mecánica, industrias alimentarias e embarcacións do CIFP COROSO.

A formación de nais e pais na complexa tarefa educativa

Onte tivo lugar no Cine Elma da Pobra do Caramiñal, unha sesión formativa dirixida a nais e pais deste concello, no marco do programa de formación de Escolas de Nais e Pais (ENAPA) que está a promover a Consellería de Educación, un proxecto piloto que pretende te continuidade no vindeiro curso.

Na sesión de onte, abordáronse claves para o asentamento dunha autoestima positiva e os elementos fundamentais para a adquisición da competencia emocional. Arelar desenvolveu a ponencia desta sesión formativa.

Nesta sesión participou unha treintena de nais e pais vencellados aos diferentes centros educativos do concello.

Teatro comunitario cheo de vitalidade en Boqueixón

Onte tivo lugar a estrea da obra “Urxencias”, unha adaptación da obra de Suso de Toro, e que representou o Clube de Maiores de Boqueixón, tras uns meses de traballo preparando esta peza coral con 26 actores e actrices, para compartir esta comedia cun auditorio totalmente ateigado.

O resultado final foi unha comedia disparatada na sala de urxencias dun hospital onde aparecían os personaxes máis disparatados que se puidera un imaxinar.

A representación desta peza é o resultado final, dun proceso de traballo dende unha perspectiva comunitaria, na que os maiores partindo do texto orixinario foron aportando e facendo súa a obra, achegando a súa visión da comedia, e construindo e perfilando os personaxes para finalmente representar a obra ante a súa veciñanza totalmente entregada, e recoñecendo o traballo realizado, contanto con algunha actriz de máis de 90 anos.

Ler máis…