All posts by ARELAR

O Concello de Santiago impulsa un programa de prevención da adicción ás pantallas

Onte ven de presentarse o programa de prevención da adicción ás pantallas impulsado pola Concellaría de Xuventude do Concello de Santiago e no que Arelar desenvolverá a coordinación técnica do mesmo.

O obxectivo é responder a unha demanda e unha preocupación crecente na comunidade educativa, tanto entre as familias como entre o profesorado e o propio alumnado, a través duns obradoiros que pretenden poñer o foco nas prácticas cotiás do alumnado na súa relación cos diferentes dispositivos e no acceso a internet, para que a partir dunha reflexión crítica o alumnado sexa capaz de adqirir pautas para un uso responsable e saudable das diferentes pantallas e dispositivos.

En último término, o alumnado poderá identificar estratexias e pautas para a autoregulación e o autocontrol no uso de pantallas.

A intervención desenvolverase en 5º e 6º de educación primaria e en 1º e 2º da ESO, coa intención de establecer contidos adaptados a cada nivel educativo. No caso da educación secundaria, terá especial importancia a análise de problemas de convivencia nas contornas dixitais (chatas de mensaxería, redes sociais…) e que poden derivar en situacións de ciberacoso, e nas que se analizará o rol que debe de xogar cada quen, para a protección da vítima e a promoción dunha convivencia satisfactoria.

Os obradoiros desenvolveranse ao longo deste terceiro trimestre e serán impartidos por Arelar.

O método “todos e todas gañan” funciona!

Ao longo desta semana Arelar desenvolveu no IES As Insuas un obradorio de resolución de conflitos co alumnado de 1º, 2º e 4º da ESO.

Nos obradoiros, o alumnado puido traballar ao redor das diferentes estratexias de afrontamento do conflito, identificando as vantaxes de empregar o método “Todos e todas gañan” na que as partes en conflito deben de buscar alternativas de solución que beneficien a ambas partes.

O alumnado puido ademais, partindo do conflito como un desacordo ou choque de intereses, practicar e traballar sobre as habilidades sociais e de xeito práctico exercitar a súa posta en práctica, identificando os aspectos máis salientable e de mellora que suscitou cada exercicio.

O proxecto formativo co alumnado completouse cunha sesión formativa para as familias, na que se abrodaron especialmente os conflitos derivados do uso da tecnoloxía e o establecemento de normas e límites.

Tanto o alumnado como as familias participaron moi activamente dos obradoiros e sesións formativas xerando un clima de traballo moi fructífero.

Aprendemos a resolver conflitos pacificamente!

Arelar desenvolve ao longo deste mes de febreiro unha serie de sesións formativas co alumnado de 6º de educación primaria do CPI de Zas, para a realización dun obradoiro de resolución pacífica de conflitos, encamiñado a que o alumnado adquira unha comprensión axeitada do conflito e sexa capaz de aprender estratexias e habilidades socioemocionais para unha resolución satisfactoria para tódalas partes.

A metodoloxía empregada é participativa e activa e parte da percepción que o alumnado de 6º ten do conflito, e de construir situacións de aprendizaxe partindo da ollada do alumnado.

Deste xeito se constrúen situacións de aprendizaxe máis próximas e axeitadas ás necesidades do grupo.

As técnicas de traballo escénico cobran neste obradoiro unha especial relevancia para que a aprendizaxe sexa máis vivencial e permita que o alumnado interactúe dende a adquisición de habilidades sociais de gran interese para a resolución de conflitos.

O alumnado está amosando un gran interese no obradoiro cun gran nivel de participación, e que dará remate o vindeiro 29 de febreiro.