All posts by ARELAR

Ondas cheas de emoción en Arzúa

Os rapaces e rapazas de Arzúa están a desenvolver ao longo desta semana a través do proxecto “Emotiradio” un programa radiofónico onde a educación emocional e a posta en valor das xentes de Arzúa son o eixo central.

O proceso de traballo está dando como resultado a creación do programa “Que onda!!” no que a aprendizaxe emocional nestes tempos tan convulsos derivados da COVID-19 resulta esencial para a adaptación a esta nova realidade que estamos a vivir.

O programa está a crear contidos moi variados como entrevistas a persoal sanitario de Arzúa, reportaxes sobre o movemento asociativo da vila ou expereriencias nas que xente de fóra de Galicia pousou a súa ollada no rural para emprender un proxecto de vida apegado á terra.

Os contos de compoñente emocional e recomendacións de libros para unha aprendizaxe das emocións en familia son algúns dos contidos máis relevantes.

A creación dun programa radiofónico por parte das crianzas ten múltiples beneficios  no desenvolvemento de competencias cívicas, lingüísticas e socioemocionais.

O resultado final do proxecto será un podcast que ademais será emitido en Radio Arzúa.

Ler máis…

EMOTIRADIO:A educación emocional como ferramenta esencial nesta nova realidade

O Proxecto “Emotiradio” ten como propósito esencial que a radio sexa un medio canalizador dun traballo emocional cos nenos e nenas de Arzúa, de xeito que as crianzas sexan as protagonistas do seu propio programa radiofónico, no que o traballo de produción de contidos ao redor das emocións será o eixo vertebrador.

As emocións abordaranse dende múltiples perspectivas: contos narrados, entrevistas, reportaxes, etc….

En definitiva, o proxecto creará como produto final un podcast radiofónico xerado no seo da comunidade polas súas propias crianzas e que permitirá visualizar a trascendencia da aprendizaxe emocional en múltiples situacións dentro desta nova realidade que nos toca vivir trala aparición da COVID-19.

Ler máis…

A “nova normalidade” inclúe ao teatro

A pandemia da COVID-19  mudou a nosa cotidianeidade en grao sumo, e agora adentrámonos nesta “nova normalidade” que pouco a pouco vai facendo camiño aos diferentes quefaceres diarios.

O teatro non ía ser menos, e o Clube de maiores de Boqueixón decidíu retomar a actividade teatral de xeito gradual e respectando as medidas hixiénico-sanitarias establecidas polas autoridades competentes para previr calquera situación de risco.

Por iso, no mes de xullo inícianse os ensaios a través de grupos reducidos (4-5 persoas) para esta primeira fase de traballo que pretende que pouco a pouco o grupo poida retomar a súa actividade cultural e de ocio, pero mantendo tódalas cautelas e prudencias que require a situación derivada desta pandemia.

O grupo está a preparar unha comedia titulada “Un morto moi vivo” e a coordinación técnica da actividade corre a cargo de Arelar.