Monthly Archives: Marzo 2025

“Sen saída”: Unha peza de teatro foro que aborda a problemática do acoso escolar

Ao longo da semana pasada, alumnado de 3ºD do IES Pontepedriña efectuou unha serie de representacións da peza de teatro foro “Sen saída”, unha peza que pretende abordar a problemática do  acoso escolar e os impactos que xenera na vítima e na súa contorna inmediata.

Ás sesións asistiron no rol de “espect-actores” e “espect-actrices” o alumnado de 1º de ESO do centro, e puideron participar activamente na reflexión e interacción para abordar a situación de Juan, o personaxe que sofre o acoso escolar e xerar propostas de transformación para mellorar a súa realidade.

O alumnado de 3ºD  construiu esta peza (deseñando os diferentes cadros escena da peza) e preparou a representación ao longo destes meses para xerar un recurso didáctico que permitíu identificar factores de protección esenciais ante o acoso escolar, ou rachar determinados pensamentos errados en torno ao acoso escolar.  Ademais a peza permitía abordar con claridade o valor do punto laranxa como unha ferramenta de utilidade para a protección de potenciais vítimas, e empatizar coa realidade emocional do personaxe principal.

O resultado final foi que tódalas representacións permitiron reflexións moi últiles e enriquecedoras e que permitiron ao alumnado levar a situación de ficción xerada á súa realidade cotiá e reflexionar sobre o rol que cada quen pode adoptar ante potenciais situacións de risco.

Tanto alumnado como profesorado valoraron moi positivamente as diferentes representacións realizadas. Arelar desenvolve a coordinación técnica desta intervención educativa en diferentes institutos de Santiago de Compostela e que é promovida pola Concellaría de Mocidade.